Presentación
XORNAL DIXITAL das TERRAS de LOBEIRA na BAIXA LIMIA OURENSÁ
O presente espazo web pretende facer chegar a todalas persoas interesadas na vida de Lobeira, as novas de interese xeral que vaian sendo coñecidas polos redactores. Creouse moi especialmente para todos aqueles que atopándose fóra de Lobeira, botan de menos non ter novas destas terras. Moitos deles expresáronnos en diversas ocasións a necesidade dun espazo que os mantivese informados do que eiquí acontece. A todolos lobeirenses, pero moi especialmente a eles dedicámoslle o noso traballo e esforzo.
A maior parte dos feitos denunciados no audiovisual “¿Que pasa en Lobeira?”, que pode verse en www.baixalimia.com, seguen estando de total actualidade, pois nada ten cambiado desde que se publicou. As circunstancias negativas que leva moitos anos vivindo o medio rural galego, fan que os Concellos deban ser o principal ente dinamizador da vida cotiá dos nosos pobos. Cando isto non ocorre, a vida dos nosos lugares, das nosas aldeas, está máis preto da morte do que nos pode parecer. É por iso que este Diario comeza o día 16 de Xuño de 2007, data de constitución da Corporación Municipal de Lobeira que saíu das urnas en Abril de dito ano.
Trataremos de achegar ás xentes de Lobeira, xunto con outras novas de interese xeral, os traballos, os proxectos, as realidades e a forma de rexerse do noso Concello. Nesta páxina atopará o visitante as novas máis importantes e terá a posibilidade de engadir as súas OPINIÓNS sobre a páxina e tamén os seus COMENTARIOS sobre as novas expostas. Poderá tamen coñecer CARTAS que podan ser de interese polo seu contido e comentalas. Nembargantes, os redactores queren sinalar que NON SE TRATA DUN FORO. Será un lugar para achegar opinións e comentarios a favor ou en contra da páxina en xeral ou das novas en particular, pero moi lonxe de entrar en debates e discusións. Existen outros lugares e espazos onde se pode debater sobre a situación e a vida de Lobeira, pero tal contido escapa totalmente á estrutura e concepto da presente páxina.
Dende aquí invitamos aos grupos políticos do Concello de Lobeira, ás diversas asociacións e aos particulares a que aporten as súas novas, cartas, fotos, opinións e comentarios para que este espazo logre os seus obxetivos.
Esperamos e procuraremos ter actualizada esta web, pero pedimos disculpas anticipadas polos fallos que nese senso poidamos ter.
Se co noso traballo conseguimos ter informada á xente que ama a Lobeira e logramos que o noso Concello se converta nese ente dinamizador, que debería ter sido sempre, darémonos por satisfeitos.
Nota:
As cartas agrándanse pulsando no título
