PLENO do CONCELLO de LOBEIRA do día 25 de Febreiro de 2009
Ante a imposibilidade por falta de tempo e espazo para facer a crónica, polo miúdo, do Pleno do día de hoxe, trataremos de informar o máis concisamente posible, do acontecido nun Pleno que resultou ser o máis vergoñento e surrealista de todos cantos temos presenciado.
Como redactor de este espazo web, pido desculpas por facelo dunha forma moi persoal pero o acontecido ao final do Pleno, e que afecta directamente a miña persoa, obrígame a elo . Sinalarei de forma resaltada os meus comentarios persoais para máis transparencia.
Penso que o sucedido hoxe no Pleno do Concello de Lobeira demostra unha vez máis que eu tiña moita razón cando por carta dirixida ao Sr. Presidente do Partido Popular de Ourense, antes das eleccións do 2007, lle informaba do que pasaba en Lobeira e lle pedía que o Sr. Higuero non fose nas listas do PP. Ninguén poderá acusarme de non ter advertido do que estaba a pasar en Lobeira e que por desgraza continúa a pasar coa permisividade e culpabilidade dos que deberían evitalo.
SEGUE A CRÓNICA........................
Abriuse o Pleno pasadas as 9:30 horas.
Presentes tódolos concelleiros da Corporación Municipal e o Secretario do Concello.
Público presente: 7 persoas.
Punto1- Aprobáronse as Actas, aínda que na convocatoria dixese os borradores, das sesións anteriores.
Punto 2- Aprobación, se procede, dos orzamentos para o ano 2009.
O Alcalde dixo que este punto era retirado da Orde do Día por haberse constatado erros nos mesmos.
O Concelleiro do BNG Sr. Adán, preguntou se isto suporía outra reunión da Comisión de Contas ao que se lle respondeu que si. É dicir outros 400 € para o Alcalde e 100 € máis para cada compoñente da dita comisión.
O voceiro do BNG pediu se lle explicase onde estaban e cales eran os erros. Ninguén soubo responder chegando a dicirse que estaban “pendentes de determinar”. Unha serie de preguntas do Sr. Álvarez non tiveron resposta algunha clara ou convincente, chegando a dicir a Voceiro do PP que “eran errores de secretaría” pero que non podían determinar cales eran.O voceiro do PP dixo: "Non están aínda claras","eu acabo de chegar e acábanmo de dicir ao entrar". Incongruencia total e absoluta.
Entre tanto o móbil do Alcalde soaba estridentemente e repetidamente, interrumpindo o Pleno. Parece ser que non considerou necesario apagalo despois da primeira chamada.
Rematouse este punto da Orde do Día coa sentencia do Alcalde dicindo, que “estaba retirado e basta”.
Punto 3- ASUNTOS URXENTES.
Dixo o Alcalde que era para “ver os asuntos urxentes por razón de urxencia”. ¿?.
O voceiro do BNG presentou unha moción neste apartado para que se informara con detalle das razóns da retirada do punto 2. Procedeuse a votación de si se consideraba urxente, resultando a favor os tres votos dos concelleiros do BNG e en contra os dos cinco do PP aos que se sumou a concelleira que abandonou o PSdG-PSOE e pasou a situación de Non Adscrita.
Aplausos e comentarios do público presente. Cousa que non tiña ocorrido en Pleno algún dos vividos por quen firma a crónica.
Punto 4- ROGOS E PREGUNTAS.
O voceiro do BNG comezou unha serie de preguntas sobre obras non rematadas, outras con evidente perigo, camiños cortados, abandono de materiais inertes nas propiedades, corte de accesos a fincas etc.
O Alcalde respondeu “ vostedes soamente veñen aquí para crear problemas”
e outras lindezas como que non ía responder no Pleno a resposta algunha, que llas fixeran por escrito e que xa as respondería “como sempre fixen”. Todo un compendio de falta de actuación democrática, con total desprezo á oposición, ao mesmo Pleno e aos asistentes.
Pregunta pola situación do anunciado acordo con Fenosa: Voceiro do PP: “estase negociando”. Pregunta sobre si se enviou algunha proposta, como se dixo, cun plan de pagamento. Ninguén responde. Silencio de todos. O Alcalde di por enésima vez :“todas as preguntas por escrito”.
Os concelleiros do BNG reclaman dicindo que están esperando desde hai máis de dous meses unhas certificacións que pediron por escrito e responde o Alcalde: “contestarase a todo oportunamente, non lles vou a contestar nada aquí”, “ fágano por escrito”.
O Secretario do Concello, a quen se lle escoitou nun momento dicirlle ao Alcalde: “como tu digas Alcalde”, foi requirido polo voceiro do BNG para que “informara ao Pleno sobre os prazos que tiña a Alcaldía para responder”. Despois de dubidar a resposta a dar, tivo a xenial idea de responder “TEÑO QUE CONSULTALO”. O que demostra unha vez máis ou a súa total incompetencia ou un claro encubrimento das lamentables actuacións do Alcalde. Por certo que neste Pleno dedicouse a falarlle ao Alcalde polo baixo e tapando a boca coa man en moitas ocasións. ¿Tiña eu razón ou non Sr. González Cao?.
Outra pregunta do millón feita polo voceiro do BNG: “cales foron os criterios da Alcaldía para repartir os Fondos Estatais de Inversións Municipais?, ¿foron de promoción, políticos ou por amizades?. Ninguén responde. Nova pregunta do BNG están de acordo os concelleiros do PP polo feito pola alcaldía. Resposta do voceiro do PP: "eu si". Pregunta do BNG: ¿e os outros concelleiros?. Ninguén responde. Silencio absoluto. Logo escóitase de novo a voz do voceiro do PP dicindo: “ penso que estarán” .
¡TAN ALUCINANTE COMO REAL, INDA QUE CUSTE CRELO!.
O voceiro do BNG: “os concelleiros do Grupo de Goberno son colaboradores e culpables na desfeita que ocorre no noso concello”
O voceiro do BNG pregunta de novo: “Quedou o Concello de Lobeira fora dos Plans Anuais da Deputación”. Silencio absoluto. Ninguén responde. O voceiro do BNG di : “¿alguén dixo si?. Outro espeso silencio. Ninguén abre a boca.
Voceiro do BNG: “ non pode conseguir o Concello os 9.600 € que tería que aportar para poder beneficiar dos Plans da Deputación. Novo silencio. Ninguén responde.
Pregunta do BNG sobre a renuncia da Concelleira polo PSdG-PSOE a seguir representando a dito partido e pasar a situación de Non Adscrita.
Responde dicindo que as súas explicacións pódense ver nas declaracións que fixo a prensa hai uns días. Acusou ao PSOE e tamén ao BNG de no ter feito nada por Lobeira.
Concelleiro Adán: Debería darse unha explicacións a xente de Lobeira. Responde que xa lla deu a quen ela consideraba que debería darlla.
Pide a palabra o concelleiro polo BNG Eliseo Fernández León (Lito) para iniciar a súa intervención dicindo que deberían considerarse as súas palabras sempre dende o respecto e a serenidade. Fixo unha exposición profunda, dunha gran calidade con referencias a Salvador de Madariaga e aos clásicos. Podo dicir, coa boca chea, que podería quedar como exemplo de claridade, rotundidade e ben facer. O seu discurso xirou ao redor da “posta en venta” e da “venta da dignidade”. Falou do concepto de “Comprar e vender” e acusou moi claramente aos que por omisión ou silencio son culpables e participan tamén nese “mercadeo” que permite que se venda a dignidade. O público aplaudiu a intervención do concelleiro. Produciuse unha incongruente resposta da concelleira que en ton airado dixo : “Non ofende quen quere se non quen pode e vostede está moi lonxe de poder ofenderme”. Escoitáronse algunhas voces que en resposta aos seus argumentos lle chamaron "falsa". O Alcalde dirixíndose a unha das mulleres alí presentes entre o público dixo : “póñoa fora”, primeiro aviso e logo.....”
Como única resposta ao discurso do concelleiro Sr.Fdez. León, o voceiro do PP dixo: “que falta nos fai a nos os votos dunha concelleira máis cando temos maioría?”. Outro profundo pensamento que podería ser respondido amplamente, pero que xa se cae so por razóns evidentes e de todos ben coñecidas.
O voceiro do BNG, a vista da intervención da Concelleira, expuxo con detalle todo o feito polo BNG en Lobeira no 2008 e os proxectos xa aprobados para 2009.
Outra pregunta do voceiro do BNG foi sobre como podería explicar a Alcaldía que se tivese convocado un Pleno extraordinario o día 14 de Febreiro , incluíndo no seu segundo punto do Orde do Día a toma de razón do escrito de cambio de situación da Concelleira Non Adscrita, cando dito escrito non tivo entrada no Concello hasta máis dunha hora despois da convocatoria. É dicir que o Sr. Alcalde firma unha convocatoria sabendo a decisión da concelleira pero sen ter constancia escrita da mesma. Tiña ou non razón o Concelleiro Sr.Fdez León no seu discurso sobre a POSTA EN VENTA, a compra-venta e a venta da dignidade?.
Pediu o voceiro do BNG que explicara o Alcalde o feito de haber sido pillado en dúas ocasións arrincando persoalmente cartaces con información aos veciños. O Alcalde negouno totalmente e ante este feito e tendo en conta que no ano 2007 o Sr. Alcalde xa había arrincado persoalmente cartaces colocados por min mesmo, anunciando unha actividade de “O Obradoiro Aula de Ensino”, expresei sen alzar a voz e sen alterar para nada o transcurso do acto, a miña desaprobación ante a súa mentira. De súpeto diríxese a min dicindo: “vostede cale a boca que o poño na rúa” e logo “abandone a sesión”. Négome rotundamente a facelo, pide que os concelleiros chamen a Garda Civil, intenta vir cara min, impídello cando menos un dos concelleiros do PP e seguindo as indicacións de outro levanta a sesión. Pois amigos lectores esta é a crónica do Pleno de hoxe e por desgraza isto é o que temos, o que padecemos, o que soportamos en Lobeira.
Á hora de redactar esta crónica quero compartir cos lectores o meu sentimento de vergoña allea que vivin hoxe. Outros vounos vivir, polo de agora, no meu interior para non preocupar a ninguén máis do que hoxe poida ser razoable.
¡ XA ESTÁ BEN....................!
Arsenio Landa
P.E. Na sección de CARTAS pódese ver a que lle enviei aos Concelleiros ao día seguinte ao Pleno.
