PLENO DO CONCELLO DE LOBEIRA 29 de Abril de 2009
Crónica do Pleno do Concello de Lobeira celebrado o Mércores 29 de Abril de 2009.
1-LECTURA DAS ACTAS DE DÚAS SESIÓNS ANTERIORES
O voceiro do BNG pediu se rectificasen dous puntos de ditas actas, por non responder o seu contido a realidade do dito ou acontecido nos plenos.
É de destacar o punto que dicía : “xurdindo alteracións nas bancadas ocupadas polo público que manifestaban en viva voz opinións ou pareceres sobre o que estaba a suceder entre a dialéctica cruzada dos dous concelleiros indicados anteriormente e en previsión doutras actuacións o Sr. Alcalde pediu silencio e ordenou que aqueles se calaran, e ante a réplica por parte de varias das persoas que alí se atopaban, pola Alcaldía realizase o ademán de solicitar o auxilio da forza pública, levantase para chamar a Garda Civil optando neste intre cando eran as dez e cincuenta minutos por levantar a sesión plenaria”.
NOTA DA REDACCIÓN: O dito na acta non reflexa en nada a realidade do ocorrido. Aínda máis, o voceiro do PP dixo que houbera unha mala interpretación por parte de todos, incluídos os concelleiros do Grupo do PP. Dixo que o Sr. Alcalde se tiña levantado para ir a chamar por teléfono a Garda Civil. Todos os asistentes viron moi ben as actitudes do Alcalde, e a sen razón do seu comportamento. Outra cousa é que se queira xustificar a súa actitude desfigurando a realidade, que quedou explicada en este xornal na crónica do Pleno do día 25 de Febreiro de 2009.
A única verdade quedou clara nas verbas do concelleiro Antón Álvarez, ao cualificar a actitude do Alcalde de “totalmente agresiva e fora de lugar”.
Cando o voceiro do PP di que o Alcalde se levantou para ir a chamar por teléfono a Garda Civil esquece que o que pedía foi que os concelleiros do seu grupo chamasen eles. Podía facelo moi ben el, dado que cando se levantou da cadeira tiña o teléfono móbil na man, que o sacou mentres berraba pedindo que se chamase a Garda Civil. ¿Considera o Sr. Voceiro do Grupo de Goberno que algo xustificaría a presenza da Garda Civil?.¿Esquece que a quen ordenou o Alcalde abandonar a sala foi ao redactor que isto escribe?.¿Esqueceuse de que eu non fixen nada que supuxese unha alteración da sesión? ¿Recorda a carta que lles enviei aos concelleiros na que lles daba as grazas pola súa actitude? . ¿ É que non é capaz de recoñecer que o Sr. Alcalde intentou botarme da sala sen xustificación algunha?.¿QUERE SEGUIR A DEFENDER O INDEFENDIBLE AÍNDA QUE PARA ISO TEÑA QUE MENTIR?.
2-CONTENCIOSO CON UNIÓN FENOSA.
O Secretario dou os datos de número e sala de xustiza á que foi asignado o contencioso, sen dar explicación algunha sobre o contido do mesmo.
O voceiro do BNG pediu se informase si se trataba dun contencioso do Concello contra Unión Fenosa ou de Unión Fenosa contra o Concello. Ninguén responde. Logo o Alcalde di ao Secretario que tome nota e que se responderá por escrito.
3- TRANSFERENCIA DAS COMPETENCIAS DO CENTRO DE SAÚDE Á
CONSELLERÍA DE SANIDADE.
Ninguén tiña as ideas claras de si as instalacións xa eran da Consellería ou do Concello e parece ser que o que se transfire, cando menos, é o mantemento e gastos do Centro.
Á pregunta de cómo quedaba o persoal implicado nos traballos de mantemento do Centro, feita polo voceiro do BNG, ninguén deu resposta algunha e o Alcalde limitouse a dicir: “A votar”
Aprobada a transferencia por unanimidade.
4- ASUNTOS URXENTES
Non houbo ningún.
5- ROGOS E PREGUNTA
SOBRE A DÉBEDA CON FENOSA: O Voceiro do BNG preguntou si eran certos os datos que daban unha débeda total con Unión Fenosa de 151.584 €, dos que 32.834 € eran intereses de demora. Preguntou tamén si o acordo acadado era o compromiso de pago da débeda a razón de 3.031 € / mes durante 50 meses.
A pregunta de si o acordo estaba asinado, feita polo voceiro do BNG, respondeu o voceiro do Grupo de Goberno: “Supoño que si”.
Polo voceiro do BNG pediuse un Informe Xurídico en que se recolla todo o que pasou con Unión Fenosa, con detalle das responsabilidades si as houbera e nome dos responsables.
SOBRE UNHA ANTERIOR MOCIÓN SOBRE AUSTERIDADE:
O voceiro do BNG recriminou ao Alcalde polo feito de haber presentado hai meses, unha moción reclamando austeridade por mor da crises e que agora se vexa que o Sr. Alcalde ten percibido, dende o 25 de Febreiro ao 29 de Abril é dicir nun período de dous meses e catro días, 6.400 € en concepto de asistencia a Plenos e Comisións. Por outra parte estimou que en viaxes a Ourense e outros tiña percibido máis de 1.000 €, estimando un total ao redor dos 7.500 € en dous meses. Preguntou si estaban xustificados tales gastos. O voceiro do PP respondeu que o Alcalde estivera en todas as reunións habidas.
Nota da redacción: Non foi iso o que lle preguntaron. A cuestión é si son necesarias as 16 reunións habidas en dous meses e si pensan que o Concello pode soportar tales gastos. Verdadeiramente vergoñento pois nos gastos están incluídos por exemplo os erros cometidos nos orzamentos do 2009 que supuxeron a duplicación de reunións por dito motivo.
SOBRE UN MATERIAL INERTE DEPOSITADO NUNHA CORGA DE REGADÍO:
Recordou o voceiro do BNG que un material inerte, deixado polo contratista das obras realizadas na estrada a Fraga, segue cortando unha corga do regadío de Lobeira e que se estaba cometendo un delito ambiental e con repercusión ademais na Confederación Hidrográfica.
Preguntou si o Concello tiña o “Pliego de Condicións” do Proxecto e respondeu o voceiro do Grupo de Goberno que debía estar no Concello onde podería consultalo na presenza da Arquitecta Municipal. Sobre o material inerte a retirar contestou o Sr. Neira: “O construtor no a vai levar a Entrimo”. Respondeulle o voceiro do BNG que había sitios previstos na provincia para tales materiais e que a retirada de tales restos está incluída no custo da obra.
SOBRE AS CANTIDADES RECIBIDAS POLO CONCELLO POLA OCUPACIÓN DE TERREOS POLO ENCORO DE AS CONCHAS
Recordou de novo o voceiro do BNG, que o Concello seguía percibindo unhas cantidades por unha ocupación do 14%, cando a realidade é que a ocupación e o 20%, o que supón unha perda importante para as arcas do Concello. Ninguén deu resposta algunha. Tal observación xa a tiña feito nun Pleno do ano 2008 e segue sen solución nin resposta algunha.
SOBRE UNHA PREGUNTA SOBRE A ARRINCADA DE CARTEIS POLO ALCALDE. O Alcalde nada respondeu limitándose a dicir que se respondería por escrito. O voceiro de Grupo de Goberno volveuse a involucrar el mesmo no tema, aínda que o voceiro de BNG se tiña referido soamente ao Alcalde como deixou constancia.
Tras duras pero xustificadas palabras do voceiro do BNG para o Sr. Alcalde o primeiro terminou a súa intervención dicindo: VIVA LA AUSTERIDAD.
Nota da Redacción: Outro pleno en que o Alcalde nun abre a boca, non responde a nada do que se lle pregunta. O seu traballo limítase a cobrar os 400 € que unilateralmente acordaron .Di que responderá por escrito cando a oposición aínda ten cousas pendentes de resposta. De feito a pregunta do voceiro do BNG de si nos documentos que lle tiñan entregado estaba todo, houbo dúas respostas contraditorias. O voceiro do PP dixo que “estaba todo nos documentos” e o Secretario que é quen da fe dixo que "case todo".
