NOTA DE PRENSA DO BNG SOBRE O PLENO DO 26 DE AGOSTO DE 2009

ENGADIMOS NOTA DE PRENSA QUE NOS FIXO CHEGAR O VOCEIRO DO BNG DE LOBEIRA

CONCELLO PLENO 26 AGOSTO 2009

O Grupo Municipal do BNG no concello de Lobeira insta a Alcaldía a reducir ata un 50 % as indemnización aos membros da corporación por asistencia a plenos e xuntas de goberno.

Dende o BNG de lobeira entendemos que con esta medida de aforro e contención do gasto público, o concello aforraría nun ano preto duns 30.000,00 € , que se poderían dedicar a construción de importantes obras das que carece o concello, como é, entre outras, o enlace entre as parroquias de Sanxés e Lobeira polo Groicio, pista moi demandada dende fai tempo.
SEGUE.............

O concello debe buscar alternativas inversoras para beneficio dos veciños do concello, posto que a nula xestión do grupo de goberno do PP fai que as inversións reais e previstas nos orzamentos para este ano 2009 ascendan tan só a 9.554,22 €.

O BNG denuncia a falta de competencia e desidia do Alcalde que fan que sexamos o único concello da provincia de Ourense que non participa do plan provincial de obras da Deputación Provincial para este ano 2009.
O goberno do PP no concello de Lobeira converteuse no goberno das malas noticias para os veciños e veciñas do concello

O BNG presentou pola vía de urxencia dúas mocións que foron rexeitadas polo grupo de goberno xustificando que aínda non tiveran tempo para estudalo e que son temas que deben ser analizados:
1. Moción sobre a gratuidade libros de texto : instar a xunta a garantir a gratuidade dos libros de texto e do material no vindeiro curso académico.
2. Moción sobre a recollida de residuos voluminosos: instar a xunta solucións a recollida de voluminosos posto que a partires do 1 de setembro SOGAMA deixará de prestar este servizo, obrigando aos concellos de xeito individual a asumir o custo da recollida, polo que se solicitan solucións ou medidas que compensen a grave situación das facendas locais.

O BNG cuestiona e reprocha a actitude do alcalde por non por remedio aos verquidos de augas fecais en varias fosas sépticas do concello, producindo un delito medioambiental grave.
Tamén esixe a alcaldía a retirada de materia inerte depositada por unha empresa nun monte baixo propiedade dos veciños da parroquia de San Vicente de Lobeira.

En Lobeira a, 30 agosto 2009