DSC_0076 peq.jpg

Nas fotos pódese ver a imaxe do peche feito pola Consellería do Medio Rural da Administración anterior, nos Montes Baixos de Lobeira e Facós, para unha explotación gandeira feita dentro do Programa de Axudas a gandeiros de menos de 40 anos. A explotación da foto corresponde aos gandeiros Rafael e Prima Rodríguez de Facós.
De acordo as nosas informacións o total de aproveitamento gandeiro en Lobeira, na actualidade, é de 4 cerramentos para vacas (3 terminados e outro en construción), 2 de cabras e ovellas rematándose, 1 de cabalos terminado. A todo isto debemos engadir outro cerramento para un “área microrrizada” para a obtención de cogomelos.
Sería de desexar que a actual administración continuase con este tipo de axudas, que son unha das mellores formas de fixar poboación e non deixar morrer o medio rural.

DSC_0028 peque.jpg

Na Casa dos Poetas de Celanova inaugurouse, no día de hoxe, unha exposición de esculturas realizadas polo artista de A Baixa Limia Toño Monteiro.
A mostra escultórica, titulada “O Maio”, presenta obras surrealistas realizadas en materiais tan diversos como granito, pizarra, gres, pedra volcánica e ferro.
Toño Monteiro ten os seus obradoiros de madeira e ferro en Ganceiros e Xendibe do Concello de Lobios, de onde é natural.
Dende Diario de Lobeira animamos aos nosos lectores a visitar esta interesante exposición, que permanecerá aberta todo o mes des Maio, na seguridade de que sentiran nas obras de Monteiro a chamada íntima de moitos lugares e feitos da historia das nosas terras.

Crónica do Pleno do Concello de Lobeira celebrado o Mércores 29 de Abril de 2009.
1-LECTURA DAS ACTAS DE DÚAS SESIÓNS ANTERIORES
O voceiro do BNG pediu se rectificasen dous puntos de ditas actas, por non responder o seu contido a realidade do dito ou acontecido nos plenos.
É de destacar o punto que dicía : “xurdindo alteracións nas bancadas ocupadas polo público que manifestaban en viva voz opinións ou pareceres sobre o que estaba a suceder entre a dialéctica cruzada dos dous concelleiros indicados anteriormente e en previsión doutras actuacións o Sr. Alcalde pediu silencio e ordenou que aqueles se calaran, e ante a réplica por parte de varias das persoas que alí se atopaban, pola Alcaldía realizase o ademán de solicitar o auxilio da forza pública, levantase para chamar a Garda Civil optando neste intre cando eran as dez e cincuenta minutos por levantar a sesión plenaria”.
NOTA DA REDACCIÓN: O dito na acta non reflexa en nada a realidade do ocorrido. Aínda máis, o voceiro do PP dixo que houbera unha mala interpretación por parte de todos, incluídos os concelleiros do Grupo do PP. Dixo que o Sr. Alcalde se tiña levantado para ir a chamar por teléfono a Garda Civil. Todos os asistentes viron moi ben as actitudes do Alcalde, e a sen razón do seu comportamento. Outra cousa é que se queira xustificar a súa actitude desfigurando a realidade, que quedou explicada en este xornal na crónica do Pleno do día 25 de Febreiro de 2009.
A única verdade quedou clara nas verbas do concelleiro Antón Álvarez, ao cualificar a actitude do Alcalde de “totalmente agresiva e fora de lugar”.
Cando o voceiro do PP di que o Alcalde se levantou para ir a chamar por teléfono a Garda Civil esquece que o que pedía foi que os concelleiros do seu grupo chamasen eles. Podía facelo moi ben el, dado que cando se levantou da cadeira tiña o teléfono móbil na man, que o sacou mentres berraba pedindo que se chamase a Garda Civil. ¿Considera o Sr. Voceiro do Grupo de Goberno que algo xustificaría a presenza da Garda Civil?.¿Esquece que a quen ordenou o Alcalde abandonar a sala foi ao redactor que isto escribe?.¿Esqueceuse de que eu non fixen nada que supuxese unha alteración da sesión? ¿Recorda a carta que lles enviei aos concelleiros na que lles daba as grazas pola súa actitude? . ¿ É que non é capaz de recoñecer que o Sr. Alcalde intentou botarme da sala sen xustificación algunha?.¿QUERE SEGUIR A DEFENDER O INDEFENDIBLE AÍNDA QUE PARA ISO TEÑA QUE MENTIR?.

2-CONTENCIOSO CON UNIÓN FENOSA.
O Secretario dou os datos de número e sala de xustiza á que foi asignado o contencioso, sen dar explicación algunha sobre o contido do mesmo.
O voceiro do BNG pediu se informase si se trataba dun contencioso do Concello contra Unión Fenosa ou de Unión Fenosa contra o Concello. Ninguén responde. Logo o Alcalde di ao Secretario que tome nota e que se responderá por escrito.
3- TRANSFERENCIA DAS COMPETENCIAS DO CENTRO DE SAÚDE Á
CONSELLERÍA DE SANIDADE.
Ninguén tiña as ideas claras de si as instalacións xa eran da Consellería ou do Concello e parece ser que o que se transfire, cando menos, é o mantemento e gastos do Centro.
Á pregunta de cómo quedaba o persoal implicado nos traballos de mantemento do Centro, feita polo voceiro do BNG, ninguén deu resposta algunha e o Alcalde limitouse a dicir: “A votar”
Aprobada a transferencia por unanimidade.
4- ASUNTOS URXENTES
Non houbo ningún.
5- ROGOS E PREGUNTA
SOBRE A DÉBEDA CON FENOSA: O Voceiro do BNG preguntou si eran certos os datos que daban unha débeda total con Unión Fenosa de 151.584 €, dos que 32.834 € eran intereses de demora. Preguntou tamén si o acordo acadado era o compromiso de pago da débeda a razón de 3.031 € / mes durante 50 meses.
A pregunta de si o acordo estaba asinado, feita polo voceiro do BNG, respondeu o voceiro do Grupo de Goberno: “Supoño que si”.
Polo voceiro do BNG pediuse un Informe Xurídico en que se recolla todo o que pasou con Unión Fenosa, con detalle das responsabilidades si as houbera e nome dos responsables.
SOBRE UNHA ANTERIOR MOCIÓN SOBRE AUSTERIDADE:
O voceiro do BNG recriminou ao Alcalde polo feito de haber presentado hai meses, unha moción reclamando austeridade por mor da crises e que agora se vexa que o Sr. Alcalde ten percibido, dende o 25 de Febreiro ao 29 de Abril é dicir nun período de dous meses e catro días, 6.400 € en concepto de asistencia a Plenos e Comisións. Por outra parte estimou que en viaxes a Ourense e outros tiña percibido máis de 1.000 €, estimando un total ao redor dos 7.500 € en dous meses. Preguntou si estaban xustificados tales gastos. O voceiro do PP respondeu que o Alcalde estivera en todas as reunións habidas.
Nota da redacción: Non foi iso o que lle preguntaron. A cuestión é si son necesarias as 16 reunións habidas en dous meses e si pensan que o Concello pode soportar tales gastos. Verdadeiramente vergoñento pois nos gastos están incluídos por exemplo os erros cometidos nos orzamentos do 2009 que supuxeron a duplicación de reunións por dito motivo.
SOBRE UN MATERIAL INERTE DEPOSITADO NUNHA CORGA DE REGADÍO:
Recordou o voceiro do BNG que un material inerte, deixado polo contratista das obras realizadas na estrada a Fraga, segue cortando unha corga do regadío de Lobeira e que se estaba cometendo un delito ambiental e con repercusión ademais na Confederación Hidrográfica.
Preguntou si o Concello tiña o “Pliego de Condicións” do Proxecto e respondeu o voceiro do Grupo de Goberno que debía estar no Concello onde podería consultalo na presenza da Arquitecta Municipal. Sobre o material inerte a retirar contestou o Sr. Neira: “O construtor no a vai levar a Entrimo”. Respondeulle o voceiro do BNG que había sitios previstos na provincia para tales materiais e que a retirada de tales restos está incluída no custo da obra.
SOBRE AS CANTIDADES RECIBIDAS POLO CONCELLO POLA OCUPACIÓN DE TERREOS POLO ENCORO DE AS CONCHAS
Recordou de novo o voceiro do BNG, que o Concello seguía percibindo unhas cantidades por unha ocupación do 14%, cando a realidade é que a ocupación e o 20%, o que supón unha perda importante para as arcas do Concello. Ninguén deu resposta algunha. Tal observación xa a tiña feito nun Pleno do ano 2008 e segue sen solución nin resposta algunha.
SOBRE UNHA PREGUNTA SOBRE A ARRINCADA DE CARTEIS POLO ALCALDE. O Alcalde nada respondeu limitándose a dicir que se respondería por escrito. O voceiro de Grupo de Goberno volveuse a involucrar el mesmo no tema, aínda que o voceiro de BNG se tiña referido soamente ao Alcalde como deixou constancia.
Tras duras pero xustificadas palabras do voceiro do BNG para o Sr. Alcalde o primeiro terminou a súa intervención dicindo: VIVA LA AUSTERIDAD.
Nota da Redacción: Outro pleno en que o Alcalde nun abre a boca, non responde a nada do que se lle pregunta. O seu traballo limítase a cobrar os 400 € que unilateralmente acordaron .Di que responderá por escrito cando a oposición aínda ten cousas pendentes de resposta. De feito a pregunta do voceiro do BNG de si nos documentos que lle tiñan entregado estaba todo, houbo dúas respostas contraditorias. O voceiro do PP dixo que “estaba todo nos documentos” e o Secretario que é quen da fe dixo que "case todo".

Dende o día 2 de Abril a Casa do Concello de Lobeira volve a ter luz de Unión Fenosa, despois de tela cortada máis de tres meses. Estableceuse un acordo no que o Concello se compromete a pagar a débeda existente, que é de 151.584 €, en 50 meses a razón de 3.031 € por mes. O Concello deberá ademais levar ao día o pago das facturas mensuais que se vaian producindo.
O custo de aluguer do xerador e gas-oil, habido dende o 1 Xaneiro ata o 2 de Abril foi de 3.323 €. É dicir un custo de máis de 1000 € ao mes para alimentar soamente as oficinas do Concello. Todo unha mostra da mala xestión e incompetencia na administración do noso Concello.

Na sección de CARTAS pódese ver a enviada, en data 3 de Marzo de 2009, por Arsenio Landa ao Presidente Provincial do PP.

Informou La Región, o día 3 do presente mes, que os concellos ourensáns teñen unha débeda de 88.540.000 €.
As débedas por habitante nos Concellos de Galicia son de 671 € por habitante en Santiago, 458 € en Lugo e logo en terceiro lugar ven Ourense con 425 €.
Supoñemos que tales cifras deben representar as débedas totais dos Concellos.
Se os nosos datos son correctos, e así o parece, no caso de Lobeira e ata onde sabemos, as débedas son 134.000 € que é o déficit recoñecido polo Grupo de Goberno nos resultados do exercicio 2008, máis a débeda con Unión Fenosa que supera os 160.000 €, mais outras débedas a provedores varios por 320.000 €. Todo fai un total de 614.000 €, o que supón unha débeda por habitante de aproximadamente 614 €.
Aínda que non podamos establecer unha comparanza exacta do noso concello co das grandes vilas, non debemos esquecer que, en débedas, estamos por riba de todos, salvo Santiago de Compostela.

Reflexión: Cando visitamos as grandes vilas de Galicia, as medianas e os pequenos pobos, vense obras, melloras, servizos, instalacións, etc. realizadas en todas elas e pódese comprender que eses concellos podan ter débedas. No noso caso temos que preguntar: en que se xeraron as débedas, si nos non temos nada?. A resposta é ben simple: en gastar practicamente a totalidade dos ingresos do Concello en manter unha estrutura moi pesada e o que é peor inoperante e falta de toda lóxica. A subida de emolumentos do Sr. Alcalde e dos Concelleiros non ten a máis mínima xustificación.

Non se poden sacar cartos de onde non os hai e iso día a día, sen que ninguén controle o que está a pasar no noso Concello.
Non se pode ter xente cobrando e sen facer practicamente nada, ou cando menos nada para o Concello.
Non se pode negar ou retrasar a entrega á oposición de certificados, informes e documentación en xeral, que pode poñer en evidencia o que xa sabemos e o que probablemente nos queda por saber.
Non se poden gastar tódolos cartos, sen xustificar un mínimo de inversións e logo chegar ao extremo de suprimirlle ás xentes de Lobeira ata o magosto, que se celebraba tradicionalmente tódolos anos.
Non se pode soportar unha situación como a de Lobeira que continúa a ser penosa e unha vergoña para tódolos veciños.

Con gran satisfacción damos os resultados da evolución no uso do Diario de Lobeira. No mes de Marzo aumentou o número de visitantes distintos nun 31%, con relación ao mes de Febreiro. O número de visitas totais aumentou un 55% no mesmo período.
Dende Diario de Lobeira agradecemos aos nosos visitantes a súa boa acollida o que nos anima a seguir no traballo, que vai para dous anos que vimos realizando.
SEGUE..........

Habendo transcorrido máis dun mes dende a celebración do Pleno do día 25 de Febreiro de 2009 e tendo en conta que en cada Pleno quedan no aire moitas cousas, que logo nunca chegan a ter nin resposta nin solución, consideramos oportuno recordar as cousas pendentes de dito Pleno:
1- O voceiro do Grupo de Goberno, en resposta ao voceiro do BNG, sobre a negociación da débeda existente con Fenosa, dixo “ESTASE NEGOCIANDO”. E agora, transcorrido máis dun mes, aínda se segue negociando?.
A falta de solución a este punto, visto que o xerador ao día de hoxe segue traballando, confirma o dito por nos en data 14 de Febreiro sobre que considerábamos as declaracións do Alcalde a La Región como un simple lavado de cara, antes das eleccións, cousa que agora queda confirmada.

2- O voceiro do BNG preguntou ao Secretario polos prazos que teñen para responder ás preguntas feitas oficialmente, respondeu “TEÑO QUE CONSULTALO”. Transcorrido máis dun mes, xa terá consultado e saberá xa o Secretario cales son ditos prazos?. NON DEBE SABELO DADO QUE A OPOSICIÓN, SEGÚN NOS INFORMA, SEGUE SEN RESPOSTA ALGUNHA.

3- O voceiro do BNG preguntou si sabía o Grupo de Goberno, que Lobeira había quedado sen incluír nos Plans da Deputación para 2009, por non ter 9.600 € que lle correspondía aportar. Non houbo resposta de aquela e segue o total silencio sobre o tema o que demostra, unha vez máis, a lamentable actitude do Grupo de Goberno, que por non saber non sabe nin dar respostas ás preguntas que se lle fan.

4- Á pregunta sobre si os concelleiros do Grupo de Goberno estaban de acordo sobre o reparto feito pola Alcaldía dos Fondos Estatais de Inversións Municipais, o voceiro do PP respondeu: “EU SI”, no medio do silencio do resto dos concelleiros. Alí non deu xustificación algunha sobre a súa aprobación aos mesmos. Xa veremos si desexa dar algunha explicación sobre este tema, despois de ver a CARTA ABERTA que na data de hoxe lle dirixe Arsenio Landa.

Ver a Carta da sección correspondente

DSC_0043 peq.jpg

Onte pola noite e na madrugada de hoxe, continuaba o lume na Serra do Leboreiro e no Monte de Grou. Na mañá de hoxe soamente quedaba un foco no Monte de Grou.

As cruces das tumbas do adro de Santa Cruz, que se ven na foto, son toda unha mensaxe sobre a morte da fauna e da flora nos nosos montes, que é o que levan consigo todos estes incendios, que como di o comentario de “Lola” desertizan a nosa terra.

A foto foi tomada as 00:12 horas do día de hoxe

DSC_0038 peq.jpg

As 20:11 horas do día de hoxe tomouse esta foto, na que pode verse un novo foco, que afectou ao Monte Grou, e como seguía ardendo a Serra do Leboreiro.

Durante toda a tarde dous hidroavións e un helicoptero estiveron colaborando na extinción do lume ata a chegada da noite.